Chega ás tendas en liña de Nokia o seu Kit Cargador para Bicicleta

xoves, 20 de xaneiro do 2011 Raquel Noya

O cargador de Nokia para bicicletas que se lanzou inicialmente só naqueles países nos que había unha grande implantación deste medio de locomoción como transporte habitual, xa está dispoñible en España a través da tenda online de Nokia por un prezo de 45 euros (IVE incluído). Trátase dunha solución de carga alternativa para teléfonos móbiles da compañía que está especialmente deseñada para aquelas persoas que se atopan lonxe de fontes de alimentación eléctricas ou que están concienciadas co coidado do medio ambiente.
Asemade, trátase dunha alternativa moi práctica para os amantes do ciclismo ou, máis de preto, para os peregrinos que se achegan a Compostela coas súas bicicletas e que ata o de agora corrían o risco de quedar sen batería mentres estaban en ruta.
Este kit cargador para bicicleta comeza a cargar a unha velocidade de 6 Km/h e detense cando a velocidade acada os 50 Km/h. O tempo total de carga varía dependendo do móbil e a velocidade de pedaleo.
Como exemplo, os responsables da compañía achegan o seguinte: “con tan só 20 minutos de pedaleo, a unha velocidade de 10 Km/h, pódese cargar de enerxía a un Nokia 1202 suficiente para 1 hora de conversación ou 74 horas en espera”.
Este Kit Cargador para Bicicleta Nokia é compatible con tódolos móbiles da firma que dispoñan dunha clavixa de carga de 2 mm.

PUBLICIDADE