Chegan a España os ordenadores portátiles de Xiaomi

mércores, 27 de xuño do 2018 Marcus Fernández

O fabricante chinés Xiaomi leva un par de anos comercializando ordenadores portátiles claramente inspirados nos de Apple, a prezos bastante axustados, pero dende España había poucos usuarios que se animasen a importalos ante unha eiva moi importante: o seu teclado non estaba adaptado ao español. Pero esta mañá, baixo o cancelo #XiaomiLoPeta, anunciouse a chegada do Mi Laptop Air con pantalla de 13,3 polgadas a España, así como tamén adiantouse que estaban a ampliar o volume de produtos que distribúen no noso territorio, como o Mi Robot Builder, o Mi Electric Toothbrush ou o Mi Portable Mouse.
Pero o anuncio importante é claramente o da chegada do Mi Laptop Air, un portátil con carcasa metálica de cor gris escura, cunhas dimensións de 309,6 x 210,9 x 14,8 milímetros e 1,3 quilos de peso. Conta cunha pantalla Full HD de 13,3 polgadas cun bisel de só 5,59 milímetros, procesador Intel i5-8250U, gráfica nVIDIA GeForce MX150 con 2 GB de GDDR2, 8 GB de RAM DDR4, 256 GB de SSD PCIEe (cunha rañura adicional para poder ampliar a capacidade de almacenamento), saída HDMI, 2 portos USB 3.0, 1 porto USB-C, toma de auriculares, auriculares AKG, panel táctil con lector de pegadas dixitais integrado, batería cunha autonomía de até 9,5 horas e, como non podía ser doutro xeito, teclado retroiluminado con letra Ñ. Pero o mellor deste equipo de grandes prestacións, que ao comercializarse oficialmente en España goza de 2 anos de garantía, é o seu prezo de 899 euros, estando xa dispoñible na tenda en liña oficial de Xiaomi, así como a través de PC Componentes.

Aínda que non conte cunha distribución de teclas estándar, o teclado do Mi Laptop Air inclúe a tecla Ñ, que era unha das grandes demandas dos consumidores españois para facerse cun destes equipos

PUBLICIDADE