Chegan a España os routers Nest Wifi de Google
martes, 5 de maio do 2020
En
España levan un par de anos á venda os routers Google Wifi, que facilitaban
o establecemento de redes sen fíos de tipo malla, que conseguen unha cobertura
de calidade en todos os recunchos do fogar a base de engadir elementos satélite
que eviten as zonas con mala recepción do sinal, e agora estas solucións reciben
o seu relevo, os routers Nest Wifi, que melloran as prestacións do modelo anterior
e como grande novidade incorporan ao Asistente de Google nos dispositivos
satélite, facilitando así ter un fogar conectado.
Os novos dispositivos Nest
Wifi están dispoñibles na tenda en liña de Google, que chegarán en breve a
outros establecementos comerciais como MediaMarkt, El Corte Ingles, Fnac ou PC
Componentes. O router Nest Wifi ten un prezo oficial de 159 euros, mentres que un
satélite Google Nest Wifi custa 139 euros, conseguíndose un importante aforro
na súa compra conxunta (259 euros). O normal nun fogar é a compra dun router e
un punto Nest Wifi e logo engadir algún punto adicional no caso de detectar
zonas con pouca cobertura en vivendas de grande tamaño.
Estes trebellos poden configurarse e controlarse a través da aplicación móbil
de Google Home, o que permite funcións como compartir a rede con convidados ou dar
prioridade aos dispositivos que desexemos. Tamén poden establecerse condicións
nos que certos dispositivos non poderán acceder á Rede ou bloquear contidos
para adultos nos dispositivos que vaian ser empregados por menores. Estas
funcionalidades tamén poderán controlarse por voz, aínda que o feito de que os
satélites Nest Wifi inclúan o Asistente de Google non está limitado a recibir
ordes, senón que tamén busca substituír completamente aos altofalantes Nest
Mini, de xeito que tamén poden aproveitarse para a reprodución musical (podendo
formar grupos con outros altofalantes no fogar para escoitar a mesma música ao
longo da casa).
- Os dispositivos Google Nest Wifi integran un altofalante con Asistente de Google, e ilumínanse para indicar cando o micrófono está activo.