Chegan os primeiros ultraportátiles con pantallas de Pixel Qi

luns, 31 de xaneiro do 2011 Marcus Fernández

Cando comeza a distribución do agardado Adam de Notion Ink confírmase que as revolucionarias pantallas de Pixel Qi que combinan as vantaxes da tinta electrónica coas pantallas TFT ordinarias tamén están dispoñibles nun ordenador ultraportátil, o Sunbook de Clover, que cun procesador Intel Atom N450, pantalla de 10 polgadas cunha resolución de 1.024 x 600 píxeles, 1 Gb de RAM, 250 Gb de almacenamento, opción 3G/4G, unha autonomía de entre 8 e 12 horas e o sistema operativo Windows 7 Starter saíu á venda a pasada fin de semana por 795 dólares (579,55 euros), ou sexa, un prezo esaxeradamente superior ao que tería o mesmo equipo cunha pantalla ordinaria (custaría menos de 300 euros).
Deixando a un lado o seu prezo, o SunBook é un equipo bastante atractivo, pois é altamente portátil, pode empregarse coma lector de libros electrónicos de alta resolución ou coma dispositivo con pantalla de cor, ten unha boa autonomía e a súa pantalla pode verse baixo a luz do sol, ou sexa, que tería unha pantalla de maior tamaño que un Kindle á vez que sería máis versátil que un iPad.

PUBLICIDADE