Cinco empresas dos novos contidos compartiron os seus achados nunha nova xeira de Galicia Profilme
luns, 2 de maio do 2022
O
programa autonómico Galicia ProFilme, destinado a achegar formación
e intercambios profesionais no eido audiovisual, reuniu
esta fin de semana na Cidade da Cultura a representantes de cinco
firmas galegas do ámbito dos contidos dixitais e os novos
formatos: Antaruxa, UrbanSimulations, Avestudio, Manu Viqueira e
Sygnatia. Xuntáronse para expoñer “as diferentes facetas da
creación dixital na nosa terra” e “contribuír á visibilidade
do colectivo como sector en alza”. A sesión, aberta ao público en
xeral, contou coa presenza de Jacobo Sutil, director de Industrias
Culturais da Xunta, e de Manuel Meijide, director de Mundos
Digitales, referencial evento coruñés en torno á animación, os
efectos visuais e os novos medios.
Os
relatores debullaron as súas experiencias propias e compartiron a
visualización de vídeos ilustrativos sobre os seus proxectos más
recoñecidos (que abrangue cuestións como o modelado en 3D, a
infografía, a animación fotográfica, os motion graphics, o
desenvolvemento de aplicacións móbiles), as accións de comercio
electrónico, a innovación web ou a especialización en aplicacións
arquitectónicas dixitais, clips musicais ou efectos visuais
deseñados por computador).
Sutil
destacou a celebración da xuntanza “nun contexto no que a Xunta de
Galicia, a través do seu Hub Audiovisual, está a apostar polo
dixital como elemento indisociábel das industrias culturais e a
vertebrar subsectores como os videoxogos, cunha liña de subvencións
específica e a posta en marcha dun polo de aceleración de
proxectos”.
Esta
é a terceira convocatoria de 2022 no marco de Galicia ProFilme,
despois de que nas pasadas semanas este programa ofrecera xa dúas
citas centradas na estratexia audiovisual con proxección europea, a
cargo do produtor dinamarqués Thomas Gammeltoft, e na realización
de produtos infantís para televisión, a cargo de Yago Fandiño,
director de contidos infantís de Clan e de TVE.