Cisco presenta o seu novo amplificador de rede Wi-Fi para o fogar
xoves, 1 de decembro do 2011
A compañía Cisco segue a traballar para
favorecer, no fogar de cada quen, un acceso pleno e o máis cómodo posíbel ao
coñecemento. Nesta liña sitúase o produto Linksys
RE1000, unha das grandes novidades recentes da multinacional en materia de
tecnoloxía libre de máis infraestrutura e equipamento. De feito, trátase dun
amplificador da rede sen fíos, que non precisa ser enchufado a ningún outro
trebello e que se presenta “especialmente
axeitado para os usuarios que teñan pouca cobertura Wi-Fi na súa casa e queiran
ampliala”.
Con isto, informa Cisco, non só se consigue
unha meirande mobilidade no fogar (rómpese a dependencia ás zonas de maior
cobertura) senón que tamén se achega a posibilidade de conectar tódolos
dispositivos con cable, como un televisor ou un reprodutor de Blu-Ray con
internet, á rede sen fíos mediante o porto ethernet integrado no aparello de
Cisco. Este, por certo, é compatíbel con dispositivos Wi-Fi b/g/n e inclúe
funcións para axustarmos a distancia axeitada de emprazamento para acadar a
mellor cobertura e rendemento posíbel. Asemade, podemos conectar o trebello
directamente á toma da parede ou ben instalalo noutro lugar grazas ao cable
prolongador.