Código Cero e O Barbanza na listaxe de empresas xeocalizadas na app Abertos ao Galego
venres, 28 de agosto do 2020
A
Mesa pola Normalización Lingüística mantén en activo (e
enriquecéndose) unha iniciativa de comunicación tecnolóxica para
promover o galego entre as empresas e os establecementos comerciais:
Abertos ao
Galego. E faino botando man das tecnoloxías móbiles (unha app
de seu) e dos
recoñecementos e as distincións (visibilidade ante os clientes
reais e potenciais) ao empresariado e aos profesionais que apostan
pola nosa lingua como servizo engadido para o cliente. Á listaxe de
empresas xeolocalizadas na app, longa e variada, tivo a sorte
de adherirse recentemente o Grupo Código Cero Comunicación,
responsábel da web-revista Codigo
Cero e máis de O Barbanza,
dous medios comprometidos coa difusión e defensa da nosa cultura
dende os comezos da súa andaina.
En
virtude desta incorporación, a nosa empresa ficará xeolocalizada na
aplicación móbil gratuíta de Abertos ao Galego.
A
Mesa pola Normalización, a respecto das empresas que figuran na
ferramenta móbil, lembra que “non hai mellor proba de compromiso e
responsabilidade co noso idioma que o seu uso normal que ademais
cómpre recoñecer publicamente pois, especialmente no que afecta ao
empresariado, aínda existen importantes dificultades que non son
paliadas pola administración pública galega”.
Que
é Abertos ao Galego?
Abertos
ao Galego é un proxecto que a Mesa pola Normalización Lingüística
puxo en andamento en 2008 para promover o uso do galego e dar
visibilidade ás empresas que traballan en galego no seu día a día.
Inclúe unha app do mesmo nome dispoñíbel para para
terminais Android e iOS, onde están sinalados os establecementos que
contan co certificado Abertos ao Galego xunto a aqueles dos que A
Mesa ten constancia do uso da nosa lingua.
Alén
da aplicación de uso gratuíto, todas as empresas que deciden
asociarse ao proxecto Abertos ao Galego, dispoñen de maior
visibilidade e promoción por parte das canles de Abertos e da Mesa
pola Normalización Lingüística.