Comeza a venderse nos EE.UU. o Dell Streak

xoves, 12 de agosto do 2010 Marcus Fernández

O fabricante de equipos informáticos Dell comeza hoxe a comercializar nos EE.UU. un dispositivo tipo tablet baseado en Android 1.6 e con pantalla multi-táctil de 5 polgadas (cunha resolución de 800 x 480 píxeles), que aínda que pareza querer competir co iPad de Apple, parece máis dirixido aos usuarios de smartphones que busquen unha certa mobilidade.
O Dell Streak conta con conectividade Wi-Fi, Bluetooth e 3G, de xeito que pode conseguirse tanto libre por 549,99 dólares ou cunha permanencia de 2 anos nun contrato coa operadora AT&T por 299,99 dólares, o que facilita o acceso á Rede dende case calquera lugar e incluso establecer chamadas de voz (funcionalidade vetada na meirande parte de dispositivos deste tipo). Opera cun procesador Qualcomm Snapdragon a 1 GHz, conta con cámara de 5 Mpíxeles (con enfoque automático e flash LED) e outra cámara frontal con resolución VGA (para video-conferencia), a súa batería é extraíble, ten GPS (empregando Google Maps coma sistema de navegación), integra aplicacións para acceder a redes sociais (Twitter, Facebook e YouTube), lector de tarxetas microSD de ata 32 Gb e acceso ao Android Market.
En vista de todas estas prestacións, parece evidente que estamos ante un teléfono móbil con Android dun tamaño pouco ordinario, que facilita o uso de aplicacións grazas á súa pantalla de 5 polgadas, pero que é o suficientemente grande como para forzar a utilizar as súas funcións de voz mediante sistemas de mans libres Bluetooth. Parece así que estamos máis ante un MID como os que xa levan anos no mercado que ante un novo competidor do iPad.

PUBLICIDADE