Comeza en Saniago a actividade formativa na Academia Maker e na Rede TIC 2

venres, 1 de setembro do 2023 S. P.

A Academia Maker e a Rede TIC, impulsadas polo Concello de Santiago para favorecer o espallamento do espírito tecnolóxico e creativo entre a cidadanía, comezan esta tempada a súa actividade formativa. Durante os meses de setembro e outubro estes proxectos capacitarán á veciñanza, de xeito gratuíto, en innovación, fabricación dixital e dixitalización. Botan a andar en oito centros socioculturais da cidade a Academia Maker e a Rede TIC 2.
Para complementar esta actividade, o laboratorio de fabricación dixital móbil volve ás rúas de Compostela para explicar de primeira man os dous proxectos e pechar as inscricións. Será a semana que vén, do 4 ao 8 de setembro.
Deste xeito, o luns 4 de setembro o dito laboratorio estará xunto ao CSC do Romaño; o martes 5, no CSC de Conxo; o mércores 6, no CSC Maruxa e Coralia; o xoves 7, no CSC de Sta Marta; e pechará a súa ruta o venres 8 pola mañá no Campus Sur e pola tarde no CSC de Vite.
Polo que se refire ao arrinque da Academia Maker, celebrarase o próximo sábado 9 de setembro co primeiro Seminario Maker, neste caso sobre fabricación dixital, deseño e impresión 3D, que se celebrará de 12 a 14 h no CSC do Romaño. A entrada é totalmente gratuíta e o número de prazas, ata completar aforo. A partir de aquí e ata finais de outubro, cada semana haberá un seminario aberto sobre diferentes tecnoloxías e nun centro sociocultural diferente.
Poden consultarse todos no formulario de inscrición da web do proxecto: compostelamaker.gal.
A semana seguinte, do 11 ao 15 de setembro, comezarán as formacións da Rede TIC 2, cunha primeira sobre creación áxil de páxinas web no CSC Maruxa e Coralia. Estas formacións levaranse a cabo todas as semanas ata finais de outubro, de luns a venres e de 19 a 21 horas, enfocándose cada semana nunha temática e celebrándose cada unha nun centro sociocultural diferente. Coma no caso dos seminarios da Academia Maker, toda a información así coma as inscricións poderán realizarse a través da web do proxecto.
Xa a finais de mes, concretamente o 30 de setembro de 10 a 14h, comezará a formación intensiva da Academia Maker, que consistirá en 30 horas repartidas entre 5 sábados consecutivos e que se enfocará sobre todo a perfís emprendedores e persoas en busca de emprego.
Esta formación intensiva está limitada a 20 participantes, os/as cales seleccionaranse entre todas as inscricións recibidas. Traballase a través de metodoloxías de innovación e tecnoloxías de fabricación dixital no desenvolvemento de proxectos reais que achegue o alumnado.
Fontes do Concello explicaron que “toda este aprendizaxe levarase aos centros educativos da cidade a través de unidades didácticas e complementarase con visitas aos centros de investigación composteláns, ao patrimonio industrial e coa identificación de boas prácticas no ámbito empresarial tanto no uso das TIC coma na potenciación do talento STEM (siglas de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática).
Este proxecto encádrase dentro do programa Colabora e Innova no teu Barrio no marco da operación Faino Tí, dentro da EDUSI Revive Santiago, financiada nun 80% polo Programa Operativo de Crecemento Sustentábel FEDER 2014-2021.

PUBLICIDADE