Comeza un ciclo na UVigo que avoga por levar a nosa lingua a tódolos recantos e servizos da Rede

mércores, 13 de novembro do 2013 Fernando Sarasketa

Realmente estamos de acordo coa seguinte pregunta e coa mensaxe que vai implícita nela: por que dicir hashtag cando se pode dicir etiqueta? A listaxe de termos emprestados do inglés dos que podemos prescindir é enorme, tanta como termos ingleses hai (por moito que o significado destes non encaixe á perfección nunha palabra nosa: é unha marxe de indefinición coa que poderemos sobrevivir). Toda esta lea, e esta defensa de termos como xefe de produto contra product manager, vén a conto para presentarmos o ciclo O galego na vangarda tecnolóxica, que se está a celebrar na Facultade de Filoloxía e Tradución na Universidade de Vigo. Un programa que entre outras cousas fai fincapé no ben que nos viría, a nós mesmos é a Internet, empregar o galego até as últimas consecuencias nas redes sociais. E dicimos que lle viría ben á Internet porque esta, nunha situación ideal, debera nutrirse de diversidade.
Volvendo ao ciclo en cuestión dicir que foi aberto por Carlos García Vieito, estudante da Universidade de Santiago e co-responsábel, entre outras cousa, da campaña Twitter en Galego coa que se conseguiu, o pasado mes de febreiro, a galeguización da rede social. García Vieito inaugurou o foro cunha intervención na que explicou polo miúdo “unha batalla que nin moito menos rematou xa que, se todo sae ben, agardamos conseguir nuns meses a versión galega para os dispositivos móbiles”. Segundo informa a UVigo, o seu relatorio espertou moito interese na comunidade universitaria “e boa proba disto foi o feito de que o salón de graos da Facultade de Filoloxía e Tradución, onde tivo lugar o encontro, ficou pequeno para acoller a todos os asistentes”. Na palestra, García Vieito deu conta de como se puxo mans á obra para acadar unha versión da dita comunidade 2.0 na nosa lingua, ao tempo que se abría o vieiro para que cada vez máis persoas empregasen o galego na rede social. E dixo: “Non hai que renunciar ao galego para comunicarnos nin nas redes sociais nin na vida mesma”.
Tamén fixo saber que a primeira consecuencia do incansábel labor dos voluntarios que requirían unha versión na nosa lingua de Twitter foi que en setembro de 2012 conseguiuse que o galego entrase no Centro de Tradución da rede social, o que significou a autorización para iniciar o proceso de tradución. Para García Vieito, que os responsábeis deste servizo 2.0 finalmente lle abrisen a porta ao noso idioma non foi cousa doada. Porén, tamén se demostrou que é posíbel “levar a cabo iniciativas como esta e transformar unha idea en realidade sempre que teñas un bo motivo, moitas ganas de traballar e logres implicar a canta máis xente mellor no proxecto”.
A apertura do ciclo tamén contou coa presenza do profesor Javier Gómez Guinovart, do Seminario de Lingüística Informática, que foi o encargado de presentar aos asistentes o relator e tamén de contextualizar a súa intervención. Entre outras temáticas, Guinovart explicou como calquera tuiteiro pode exercer de tradutor “se ben non vai recibir ningún tipo de compensación económica a cambio”, subliñou, xa que a empresa escolleu a mesma fórmula que xa adoptara Facebook, de xeito que son os propios usuarios da plataforma os encargados de realizar a tradución.
O ciclo no que se insire esta charla, que conta co apoio da Área de Normalización Lingüística e da Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, continuará o vindeiro martes coa conferencia Android en galego que correrá a cargo de Iago Varela Martínez, responsábel da plataforma Mallando no Android, un proxecto encamiñado a achegar información sobre o sistema operativo de Google na nosa lingua (e dende o que partiu, recentemente, unha encomiábel campaña para conseguir que o buscador tamén se implique coa nosa lingua e ofreza, de serie, unha versión en galego de Android para tódolos usuarios).

PUBLICIDADE