CompeGPS estrea un navegador GPS ideal para ciclistas

martes, 19 de marzo do 2013 Marcus Fernández

CompeGPS completa o seu catálogo de navegadores GPS para o tempo de lecer co novo TwoNav Sportiva2+, dispositivo deseñado para deportistas e, moi especialmente, para afeccionados ao ciclismo, que dispón de certificado ANT+ de xeito que é compatible con numerosos accesorios que funcionan con esta tecnoloxía como pulsómetros, sensores de cadencia, sensores de velocidade de bicicleta e sensores combo de velocidade/cadencia.
O TwoNav Sportiva2+ permite navegar a través de mapas vectoriais TomTom, Open Street Maps, mapas topográficos, imaxes de satélite (ICC, IGN, CNIG...) e mapas de relevo, á vez que rexistramos a ruta realizada, que grazas aos Roadbooks dixitais pode debuxarse o percorrido, engadir croquis ou fotografías con comentarios das manobras máis complexas e envialo todo ao GPS. Tamén conta con funcións como alarmas de campo, representacións gráficas, adestrador virtual...
O dispositivo ten unha pantalla táctil transreflectiva de 3 polgadas cunha resolución de 240 x 400 píxeles, certificación IPX6, batería de 1.150 mAh (cunha autonomía de ata 14 horas), compás dixital, barómetro, acelerómetro, 4 Gb de almacenamento interno, lector de tarxetas microSD de ata 32 Gb, conexión miniUSB, unhas medidas de 58 x 105 x 23 milímetros e un peso de 124 gramos, que inclúe un soporte e unha correa de pulso, e pode adquirirse opcionalmente con pulsómetro e sensor de cadencia, vendéndose a un prezo de 349 euros (aos que habería que engadir 70 euros de incluír os sensores ANT+ mencionados).

O TwoNav Sportiva2+ está deseñado especialmente para afeccionados ao ciclismo

PUBLICIDADE