Compostela impulsa a web de transparencia das Cidades Patrimonio e unha app de turismo accesíbel

luns, 4 de abril do 2016 Redacción

No ano 1993 creábase en España o Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade constituído por 15 cidades entre as que se atopa Santiago, amais de Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Eivissa/Ibiza, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Segovia, Tarragona, Toledo e Úbeda. Precisamente a cidade de Cuenca vén de acoller a última xuntanza destas urbes, á que acudiu o alcalde de Compostela, Martiño Noriega. A cita desenvolveuse este sábado e ao seu abeiro, o máximo órgano de goberno do Grupo aprobou por unanimidade o seu orzamento para 2016, que son 990.000 euros. A nivel TIC, tamén se ratificou o Portal de Transparencia das Cidades Patrimonio, que xa se puxo en marcha na web oficial. Nel pódense consultar: os orzamentos da entidade, os convenios que ten subscritos, os acordos adoptados en asemblea e a información sobre as subvencións recibidas polo grupo.
A xuntanza de Cuenca serviu tamén para facer un repaso polo estado no que se atopan os diferentes proxectos que ten en marcha o Grupo. Así, informouse de que en xullo estará dispoñíbel a app de Turismo Accesíbel de Santiago de Compostela, elaborada no marco do proxecto Appside. Trátase dunha iniciativa impulsada pola Fundación Orange e GVAM, ao que se sumou o Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade co obxectivo de que todas conten cunha aplicación móbil accesíbel para os seus visitantes, en particular para os que teñen algunha discapacidade visual ou auditiva.
A app incluirá varios percorridos e contidos audiovisuais, que axudarán a que os visitantes tomen consciencia do valor do patrimonio de Compostela. Esta aplicación (xa presente en cidades do grupo como Ávila ou Cuenca) será de balde e poderase descargar en teléfonos móbiles iOS e Android.
Tamén da Área de Turismo, o Grupo de Cidades Patrimonio concretou na Asemblea de Cuenca as vindeiras presentacións a touroperadores nas que vai participar: a colaboración con Turespaña para desenvolver actuacións en China, nas que vai participar unha técnica de Turismo de Santiago.
O Grupo de Cidades Patrimonio tamén ten previsto desenvolver accións de promoción en Estados Unidos, Canadá, Xapón ou Portugal. No eido estatal, haberá presentacións en Málaga e Madrid.
Asemade, na Asemblea presentáronse as guías de cada cidade elaboradas polo Grupo, dispoñíbeis en: galego, catalá, español e inglés.
A Asemblea Xeral do Grupo de Cidades Patrimonio informou do desenvolvemento da III edición do programa pedagóxico Aula de Patrimonio, que nas últimas semanas está levando de intercambio a estudantes de secundaria das distintas cidades membro.
Outro aspecto a tratar foi a situación de proxectos en marcha nos campos do patrimonio, arqueoloxía, medio ambiente, seguridade, accesibilidade e mobilidade. Nesta área salienta a presentación, en marzo, do Libro Branco da Mobilidade nas Cidades Patrimonio, que analiza problemas comúns das 15 cidades membros en relación ao tráfico nas súas zonas históricas.
O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade celebrará a súa vindeira Asemblea en Toledo, o 25 de maio.

PUBLICIDADE