Confírmase Windows 7 coma o nome do sistema operativo que sucederá a Vista

martes, 14 de outubro do 2008 Marcus Fernández

Os nomes dos produtos comerciais e o que teñen durante o seu desenvolvemento normalmente non coinciden (en boa medida, para protexer as futuras marcas) de xeito que o proxecto Venice deu lugar a Joost, o Ginger vendeuse coma Segway, o Nokia Tube finalmente se chamou Nokia 5800 XpressMusic, o Chicago se chamou Windows 95, o Longhorn converteuse no Windows Vista e Microsoft anunciou que finalmente o sistema operativo que sucederá a esta último se chamará Windows 7, ou sexa, que non cambiará de nome con respecto do seu proxecto (aínda que anteriormente tamén se coñeceu coma Blackcomb e Vienna).
O nome do novo sistema operativo pretendería recuperar a numeración que Microsoft empregaba antes de que Windows se convertese nun sistema operativo de seu con Windows 3.11, de xeito que os 95/98/ME serían unha versión 4, o Windows XP sería a versión 5, o Windows Vista chegaría á versión 6 e logo o seu sucesor debería chamarse Windows 7 (quedando por ver se as súas actualizacións terán decimais, de xeito que en vez dun SP1 falariamos dun Windows 7.1).
O sucesor de Vista modificará a interface de usuario seguindo a liña do sistema actual, podería incluír soporte nativo de virtualización de sistemas Windows, fará menos intrusivo o sistema de control de contas de usuario que tanto molesta en Vista, terá unha instalación personalizable, contará con escritorios virtuais e moitos outros detalles que serían unha importante mellora para usuarios tanto domésticos como corporativos.

PUBLICIDADE