Consumo convoca un concurso de carteis dirixido ós alumnos de arte e bacharelatos artísticos

xoves, 4 de outubro do 2007 Raquel Noya

O Instituto Galego de Consumo, dependente da Consellaría de Innovación e Industria e a Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria vén de convocar un concurso de deseño gráfico sobre consumo e novas tecnoloxías dirixido ós alumnos das escolas de arte e bacharelatos artísticos da nosa comunidade.
O premio consiste no deseño de carteis cunhas dimensións máximas de 50x70 centímetros con texto (de habelo) en galego e montados sobre unha base ríxida para a súa posterior exposición.
A organización concederá un total de 3 premios, de 1.400, 900 e 700 euros para o primeiro, segundo e terceiro clasificado respectivamente.
Os carteis serán valorados atendendo á adecuación dos traballos ó tema proposto, á claridade da mensaxe tanto das imaxes coma dos textos, á súa creatividade e orixinalidade e á súa calidade técnica e artística.
O prazo de presentación dos carteis remata o vindeiro 15 de novembro de 2007.

PUBLICIDADE