Coruña Dixital chega á súa terceira edición
luns, 17 de decembro do 2018
O
concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento da Coruña, José Manuel Sande,
deu a coñecer esta mañá as novidades do programa Coruña Dixital, que comeza
unha terceira edición de actividades co obxectivo de «activar novas comunidades
e conectar o tecido de entidades e colectivos da cidade que traballar en torno
a novas prácticas culturais, creativas e sociais que se producen pola
influencia do desenvolvemento e difusión das novas tecnoloxías».
Esta rede contará nos primeiros meses «cun espazo propio con programación
regular e outras actividades no Centro Ágora» que funcionará de referencia para
continuar coa divulgación e o apoio á comunidade dixital local. «Alí compartirá
sinerxías cunha iniciativa apoiada polo Goberno local como é a oficina de
cooperación audiovisual, unha aposta do Concello coa Academia Galega do
Audiovisual, proxectos arredor das novas tecnoloxías e a reflexión audiovisual
que converxen no Centro Ágora», avanzou Sande, que incidiu tamén en que este
espazo favorecerá a conexión entre as persoas interesadas na cultura dixital,
no uso creativo da tecnoloxía e no emprendemento de proxectos innovadores.
Co inicio desta terceira edición de Coruña Dixital coincide tamén a activación
da programación do Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación (LAIC) para este ano,
que comeza
mañá co encontro Que hai en Internet?
no que participan o tuitero coruñés El Hematocrítico e o responsable de
proxectos audiovisuais de Zemos98, Felipe G. Gil.
Tal e como indicou o responsable municipal, que compareceu acompañado do coordinador
da iniciativa, Sergio Lago, e do xerente da empresa adxudicataria, Diego
Parajó, Coruña Dixital é unha proposta que permite vincular moitas das
iniciativas que, nese eido, se desenvolven na cidade e que «cadraba moi ben con
outras formulacións realizadas dende outras áreas do Goberno local como o
Co-Lab e que permitía activar novas comunidades e conectar o tecido de
entidades e colectivos da cidade con axentes, procesos e experiencias
inspiradoras». Neste sentido, Lago indicou que a maneira de colaborar e
participar, que ata o momento se realizaba a través de encontros e talleres,
vai cambiar este ano, ao dispoñer dun espazo permanente de traballo, o que
permite abordar cuestións nas que profundar durante varios meses e en
diferentes grupos como son as novas narrativas dixitais na rede, o
videomapping, gamificación e a aplicación da realidade aumentada en moitos
aspectos culturais.
«Nos primeiros dous anos estivemos traballando en liñas como o movemento de
software libre, no que mesmo se creou un novo grupo, CoruñaHacks, novas
aplicacións de uso social ou no movemento maker,
no que a asociación BricoLabs conseguiu un espazo permanente na Domus»,
lembrou. O relanzamento dos grupos de traballo e as novidades na programación
daranse a coñecer a través da páxina web da
iniciativa.
