Crucial propón utilizar unidades SSD para axilizar o funcionamento do noso ordenador

mércores, 1 de agosto do 2012 Marcus Fernández

Pensando na actualización de equipos informáticos adquiridos antes de 2011 para mellorar considerablemente a súa velocidade a británica Crucial presentou esta semana unha nova serie de unidades SSD que conseguen mellorar considerablemente o tempo de inicio do noso ordenador e as velocidades de transferencia de datos mantendo un prezo o suficientemente axustado como para converterse nun complemento ideal para equipos que xa contan cun disco duro de alta capacidade.
As unidades Crucial v4 SSD chegan en tamaños de 32, 64, 128 e 256 Gbytes a prezos de 44,39, 68,39, 98,39 e 184,79 euros respectivamente, veñen en formato de 2,5 polgadas (aínda que poden instalarse nun ordenador de escritorio mediante un kit de montaxe á venda por 10,79 euros. Como exemplo de velocidade destas unidades de disco SATA 2 (3Gb/s), no caso do modelo de 256 Gbytes conseguiriamos taxas de transferencia de 230 Mbytes/seg. de lectura e 190 Mbytes/seg. de escritura.
Estas unidades SSD conseguen baixar a barreira psicolóxica de 1 euro por cada Mbytes de capacidade e, aínda que non son os discos deste tipo máis rápidos do mercado, si poden axilizar o funcionamento de ordenadores que non sexan moi recentes de instalar nestas unidades o sistema operativo (podendo aproveitar o disco duro tradicional anterior para o almacenamento masivo de datos cando sexa posible).

PUBLICIDADE