Curso para aprender a colorear con Photoshop na Universidade de Vigo

xoves, 10 de febreiro do 2011 Raquel Noya

A arte sempre botou man das técnicas máis innovadoras que se ían creando e desenvolvendo ao seu redor e para dar a coñecer a súa cara máis actual e modernista. Agora, como non podía ser doutra maneira, as novas tecnoloxías forman ou conforman a parte desa técnica innovadora da que falamos e como tal, inflúen de maneira considerable no novo arte.
Isto vén a conto porque o Photoshop, esa ferramenta de deseño gráfico da que todos botamos man algunha vez nas nosas vidas (mesmo sen saber moi ben o seu funcionamento básico) ten cada vez unha maior demanda por parte da sociedade non especializada, debido, sobre todo, á proliferación das cámaras dixitais que obrigan á xente de a pé a usar programas de edición e tratamento de imaxes. E tamén aos artistas, que demandan este tipo de ferramentas para as súas novas creacións e obras.
A Aula Tecnolóxica da Casa das Campás, en Pontevedra, para atender esta nova demanda que se está a dar entre o alumnado da Universidade de Vigo, vai dar acollida ao curso Coloreado Dixital da Ilustración, que ten como obxectivo ofrecer nocións e técnicas sobre esta actividade, botando man do programa de Adobe Photoshop, dándolle un enfoque que vai máis alá do retoque fotográfico convencional.
Trátase, segundo palabras do coordinador do curso, Alberto García, “dun seminario moi especializado pero ao mesmo tempo de introdución polo que calquera persoa pode matricularse”.
O curso está pensado para que as persoas asistentes acaden un dominio básico da ferramenta e aprendan a usala para colorear imaxes dixitais ou mesmo para crear as súas propias ilustracións.
A profesora encargada de impartir o curso, Patricia Castelao, comezará centrándose nos parámetros básicos do Photoshop para levar a cabo o coloreado dixital e realizará unha aproximación ao hardware adicional que pode perfeccionar esta técnica, como é o caso das tarxetas gráficas.
O curso está aberto a toda a comunidade universitaria e ao público en xeral, sen que este precise ter uns coñecementos previos da ferramenta.
Patricia Castelao é unha ilustradora recoñecida a nivel galego polo seu traballo en Dygrafilms na película O soño dunha Noite de San Xoan ou en Filmax Animation, formando parte do equipo de arte de DonkeyXote; así como pola ilustración de moitos libros publicados con Xerais ou pola súa colaboración en campañas levadas a cabo pola Xunta de Galicia.
As persoas interesadas en inscribirse poderán facelo a través da plataforma Bubela entre o luns 14 e o mércores 16 de febreiro. O curso ten un prezo de 10 euros en concepto de taxas de matrícula, e celebrarase os días 22 e 24 de febreiro e 1 e 3 de marzo, en horario de 16:00 a 19:00 horas.

PUBLICIDADE