Dead Rising 4 estreará versión para PS4 en decembro

venres, 1 de setembro do 2017 Marcus Fernández

A saga de xogos de Dead Rising está moi ligada a Microsoft e, pese a non ser exclusiva, si permite que as plataformas da compañía de Redmond teñen as súas entregas en primicia, de xeito que Dead Rising 4, que o pasado decembro chegou a Xbox One e Windows 10, leva meses adiando a súa chegada a PlayStation 4, e finalmente sábese a súa data de aterraxe: o 5 de decembro.
Enténdese así que Microsoft ten unha exclusividade de un ano con este título de Capcom que procurará compensar aos xogadores de PS4 cunha edición especial que inclúe o Frank’s Big Package, ou sexa, todo o contido descargable deste xogo, que vai dende a campaña individual Frank Trunfante até unha chea de armas e traxes entre os que destacan os dos personaxes clásicos de Capcom (e os loitadores de Street Fighter), ou sexa, que poderemos ver a Frank encarnando a Sissel de Ghost Trick, a X de Mega Man ou incluso a Zangief e a Cammy de Street Fighter. Unha tolería moi acorde cun xogo de mortos viventes do máis irreverente.

PUBLICIDADE