Dell lanza unha webcam 4K con encadre automático

martes, 29 de xuño do 2021 Marcus Fernández

Nos tempos de pandemia o uso da videoconferencia disparouse globalmente, e confiando en que este hábito se manteña no tempo dende Dell poñen hoxe á venda o que consideran que é a webcam 4K máis intelixente do mercado, a Dell UltraShap Webcam, que podemos adquirir actualmente a 213,72 euros e que promete unha calidade de imaxe comparable á dunha cámara réflex grazas ao sensor CMOS 4K Sony STARVIS (8,3 Mpíxeles) e un obxectivo multi-elemento, que conseguen producir vídeo de grande calidade incluso en condicións con pouca luz.
Esta nova cámara tamén aplica HDR á imaxe, para conseguir unhas cores máis realistas e compensar as diferenzas de exposición do noso contorno, contando tamén con algoritmos de redución de ruído e tamén coa función de moda nos últimos meses: a detección de encadre. Deste xeito o usuario pode moverse e a cámara manterao no centro da imaxe, podéndose personalizar o campo de visión que desexemos (65, 78 ou 90 graos).
A Dell UltraSmart Webcam tamén é compatible con Windows Hello, de xeito que pode empregarse como sistema de recoñecemento facial para identificarnos ante o noso equipo informático e, para os usuarios máis desconfiados, tamén conta cunha tapa magnética que permite cubrir o obxectivo para que o usuario estea seguro de que ninguén o espía, á vez que se protexe o obxectivo mentres non se emprega a cámara. Inclúe un soporte magnético para poder colocar a webcam sobre unha pantalla, contando tamén cun adaptador para trípodes.

Vídeo promocional da Dell UltraSharp Webcam

PUBLICIDADE