Dell anuncia o seu primeiro monitor profesional 4K con HDR

venres, 21 de abril do 2017 Marcus Fernández

Pensando nos profesionais do vídeo Dell presenta os seus primeiros monitores con HDR, concretamente baixo o estándar HDR10 (o empregado, por exemplo, polas consolas de videoxogos actuais). Temos así o monitor Dell UltraSharp 27 4K HDR (UP2718Q), que cunha diagonal de 27 polgadas e unha resolución UHD destaca polo soporte de HDR10, o que supón unha reprodución moi realista das imaxes.
Estamos ante un monitor orientado a un público profesional, polo que a precisión e a fidelidade da cor tamén son elementos moi coidados, quedando patente a calidade do produto no seu prezo, que será de 1.999,99 dólares (1.865 euros) cando saía á venda nos EE.UU. o vindeiro 23 de marzo. O modelo equivalente de Dell sen HDR sairá á venda a mediados de xullo a un prezo de 699,99 dólares (653 euros), cando tamén sairá un modelo con pantalla de 25 polgadas que custará 499,99 dólares (466 euros).
Outro produto de Dell que chama poderosamente a atención é o novo monitor Dell UltraShap 32 8K (UP3218K) que como indica o seu nome conta cunha diagonal de pantalla de 32 polgadas e unha impresionante resolución de imaxe de 8K, o que está moi por enriba do que resulta habitual, de aí que o seu prezo sexa duns esaxerados 4.999,99 dólares (4.661 euros).

PUBLICIDADE