Dell presenta un monitor curvo ultrapanorámico de 40 polgadas
martes, 5 de xaneiro do 2021
Para labores de produtividade sen ter que contar con solucións
de multi-monitor son bastante populares os monitores ultrapanorámicos, pero
para a creación multimedia resulta complicado atopar modelos adaptados ás elevadas
resolucións coas que se traballa actualmente, de aí que sexa benvido o monitor
UltraSharp 40 Curved WUHD (modelo U4021QW) de Dell, que vai
presentarse en breve no CES de Las Vegas, e que presume de ser o primeiro
monitor curvo de 40 polgadas coa súa resolución (5.120 x 2.160 píxeles).
Esta pantalla está pensada para tirar proveito da multi-tarefa, polo que conta
con funcións de PiP, PBP e KVM, contando tamén coa posibilidade de funcionar
como un concentrador con Thunderbolt 3 (capaz de achegar até 90 watts, polo que
serviría para alimentar un ordenador portátil), Ethernet e USB 10 Gbps.
Está previsto que este monitor chegue ao mercado estadounidense o vindeiro día
28 a un prezo de 2.100 dólares (1.708 euros).