Desvelan o que será o Nokia 5630 XpressMusic

martes, 10 de febreiro do 2009 Marcus Fernández

O Nokia 5800 XpressMusic está loitando no mercado contra o iPhone de Apple (con bastante éxito en España) pero os usuarios que non precisen dun terminal de grande pantalla nin GPS, pero queiran gozar dun dispositivo válido para a telefonía e para a reprodución multimedia poden optar polo novo Nokia 5630 XpressMusic, que chegará ao mercado no segundo trimestre do ano a uns 199 euros (libre e sen ter en conta impostos nin subvencións).
Este novo terminal da serie XpressMusic é compatible coa plataforma de xogos N-Gage, o seu grosor é de só 1,2 centímetros e o seu peso de 83 gramos, ten un jack estándar para auriculares, inclúe unha tarxeta microSD de 4 Gb para gardar os ficheiros multimedia, conta cunha cámara de 3,2 Mpíxeles con flash dual-LED, conectividade HSDPA, Bluetooth estéreo e sintonizador de radio FM.
Estariamos ante o móbil de gama baixa/media da nova liña de Nokia, que contén o seu prezo para poder converterse en todo un supervendas, á vez que satisfaría as demandas máis habituais dun amplo grupo de usuarios (pois serve para a reprodución multimedia, o acceso de servizos en liña, os videoxogos, a fotografía dixital… e a telefonía).


Vídeo de presentación do Nokia 5630 XpressMusic

PUBLICIDADE