Detallan as especificacións do Nokia Booklet 3G

mércores, 2 de setembro do 2009 Marcus Fernández

Finalmente o Nokia World 2009 serviu para confirmar as características do xa anunciado ultraportátil de Nokia, o Nokia Booklet 3G, que é un equipo con pantalla de 10,1 polgadas cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles, cun procesador Intel Atom Z530 a 1,5 Gb refrixerado sen ventilador (o que o fai moi silencioso), con 1 Gb de RAM, 120 Gb de disco duro, Wi-Fi (IEEE 802.11n), Bluetooth 2.1 + EDR, A-GPS, acelerómetro, modem 3G, cámara web de 1,3 Mpíxeles, 3 portos USB 2.0, lector de tarxetas SD, saída HDMI 1.2, sistema operativo Windows 7 (a elixir entre as edicións Starter, Home Premium e Profesional), unhas dimensións de 264 x 185 x 19,9 milímetros, un peso máximo de 1,25 quilogramos, unha batería de 16 celas que promete unha autonomía de ata 12 horas e un prezo libre de 570 euros (aínda que é de agardar que sexa posible adquirilo subvencionado xunto con algún contrato de banda larga móbil).
O equipo incluirá distintas aplicacións de Nokia para acceder aos servizos da plataforma Ovi e sincronizar de xeito doado os nosos contactos e documentos multimedia. Aínda que o Nokia Booklet 3G parece abrir todo un abano de posibilidades, non faltan voces críticas que pensan que non é máis que un ultraportátil excesivamente caro, pois sería excesivamente semellante ao Acer Aspire One 3G con pantalla de 10,1 polgadas (á venda en España por 434,58 euros), aínda que habería que destacar que a autonomía do equipo de Nokia podería ser o seu factor diferenciador (así como a súa resolución de pantalla, que é superior aos 1.024 x 600 píxeles habituais en equipos dese tamaño).

PUBLICIDADE