Disney converte o iPad nun complemento para os seus xoguetes

mércores, 28 de setembro do 2011 Marcus Fernández

O potencial para o lecer electrónico de dispositivos como o iPad é innegable, pero dende Disney queren levalo máis aló, e buscan unha maior interacción co mundo real, de aí que presenten a nova liña de xoguetes Disney AppMATes Mobile Application Toys, que permiten que os cativos poidan empregar a pantalla do iPad coma escenario para os seus xogos. Para comezar con estes xoguetes amosan uns coches en miniatura con personaxes da franquía Cars que contan con sensores na súa base, e que poden detectarse sobre a pantalla do tablet de Apple, que funciona como circuíto de competición grazas á aplicación de balde Cars 2 Appmates.
Os cativos pode coller un dos seus coches de Cars e movelos sobre o iPad para participar en aventuras dun xeito diferente ao que están afeitos, convertendo a pantalla do iPad nunha ferramenta narrativa moi divertida.
Con Cars 2 Appmates é posible explorar libremente o mundo de Cars, desenvolver misións deseñadas para cada un dos personaxes que teñamos e competir en carreiras. Cada coche permite unha experiencia diferente, e sairán á venda nos EE.UU. o vindeiro 1 de outubro en paquetes de 2 coches por 19,99 dólares. Os personaxes dispoñibles serán Rayo McQueen, Finn McMissile, Holley Shiftwell e Tow Mater.


Así será o funcionamento da nova liña de xoguetes de Disney