Dog-e-Tag: placa con chip para mascotas perdidas

venres, 31 de agosto do 2007 Fernando Sarasketa

Estes tempos de viaxes e praia, nos que se disparan as cifras de cans, gatos e demais animais de compaña extraviados (e xa non digamos abandonados, pero ese é outro tema diferente do que dá moita vergoña falar), son se cadra os máis axeitados para presentar un produto coma o Dog-e-Tag, que non é outra cousa que unha placa identificativa das de toda a vida, pero con chip e tecnoloxía incorporada. Isto, amais de achegar o que son as funcións típicas dunha placa tradicional, vaille permitir ó canciño aparecer equipado cun instrumento único para o seu rescate: a información.
Deste xeito, calquera poderá ler na súa placa até 40 liñas de datos, nos que o dono pode incluír todo o que lle pase pola cabeza, aínda que sería aconsellable que se centrase en cuestións como o número de móbil (do dono), o enderezo, as vacinas do can ou o nome e número do veterinario. Unha vez posto iso, xa podemos dar renda solta á imaxinación, que 40 liñas, malia que non son moitas, poden dar certa marxe de xogo. Sae ó mercado cun prezo de 31,49 $.

PUBLICIDADE