EGANET selecciona 20 profesionais TIC para traballar nas empresas do sector

venres, 25 de setembro do 2009 Fernando Sarasketa

Membros da directiva de Eganet nunha entrevista recente coa directora xeral de Comercio

Nin todas as empresas galegas do sector tecnolóxico teñen capacidade para absorber toda a oferta laboral cualificada e dispoñible, nin todos os profesionais atopan espazos de traballo onde desenvolver todo o seu potencial. En ocasións faltan recursos empresariais e noutras o que non se atopa é un elemento mediador que poña a peza que falta: comunicación, axudas, coñecemento ou simplemente algo tan sinxelo como unha presentación. Para a Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (EGANET), favorecer este fluxo de persoal especializado cara ás nosas empresas só pode repercutir de xeito positivo en todos os implicados, mesmo no propio tecido TIC e, por extensión, na sociedade galega. Nesta liña é onde se insire a creación dende a devandita entidade empresarial dunha nova bolsa de empreso para a selección de candidatas/os para traballar nas firmas ligadas a EGANET.
O programa, confinanciado polo Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e o Fondo Social Europeo, ten o obxectivo de potenciar a cualificación profesional dos equipos de traballo das empresas do sector tecnolóxico-dixital galego nos eidos da xestión nos que resulta insuficiente a formación específica.
Máis polo miúdo, a iniciativa de EGANET consiste en ofertar vinte postos de traballo como responsable de proxectos, dirixida a tituladas e titulados en Ciencias Económicas, Ciencias Empresariais, Enxeñería de Informática ou Telecomunicacións. “Procúrase desta maneira dotar ás pequenas e medianas empresas de profesionais con capacidade de trato directo co cliente e con visión global do negocio”, sinala a entidade nun comunicado no que tamén se explica o cometido e condicións das/os bolseiras/os: “A persoa contratada encargarase ao longo dun ano prorrogable da xestión de proxectos dende unha perspectiva empresarial para que os técnicos poidan centrarse na xestión operativa; deste xeito refórzase un eido no que as pemes moi tecnificadas, como é o caso das tecnolóxicas, foron quen de detectar unha das súas eivas”.
Segundo se fai saber nas bases da iniciativa, esta ten vontade de abreviar o máximo posible os tempos de desenvolvemento. Así, as 20 persoas escolmadas incorporaranse decontado en 14 empresas galegas do sector TIC, beneficiándose dun curso de xestión de proxectos e de negociación e venda consultiva. Por certo que a proposta non é nova: EGANET xa puxo en marcha o ano pasado un programa de características semellantes que beneficiou á inserción laboral de 36 profesionais co perfil de asesor-comercial TIC, arestora desenvolvendo o seu labor en 23 empresas asociadas.

PUBLICIDADE