Echo Auto introduce a Alexa nos nosos vehículos

mércores, 17 de xuño do 2020 Marcus Fernández

A primeiros do ano pasado Amazon puxo á venda nos EE.UU. un accesorio que permitía incorporar o seu asistente de voz en automóbiles, contando cunha demanda moi elevada que dificultaba a súa comercialización ordinaria, e finalmente chega este atractivo produto a España, onde podemos mercar o Echo Auto con normalidade a un prezo de 59,99 euros con envío nun día (ou sexa, que non hai problemas de existencias como acontecía no lanzamento estadounidense). O dispositivo tamén está dispoñible para a súa compra nas tendas da cadea MediaMarkt.
O Echo Auto é un trebello que integra 8 micrófonos para recibir axeitadamente as nosas ordes de voz (pese aos numerosos ruídos habituais no interior dun vehículo en marcha), que interpretará a aplicación de Alexa no noso smartphone, de xeito que podemos pedir música, escoitar as novas, realizar chamadas, programar alarmas e recordatorios e incluso participar nalgúns xogos compatibles coa condución (amenizando así as viaxes en familia).
A instalación do Echo Auto é sinxela e flexible, xa que o trebello aliméntase por unha toma de corrente de 12 V do vehículo ou por un porto USB integrado, e comunícase co equipo de son do coche a través dunha toma de audio de 3,5 milímetros ou Bluetooth. O dispositivo hai que ligalo a un smartphone que teña instalada a aplicación de Alexa (compatible con iOS e Android) que será realmente a que procese as ordes do usuario e gozar así dunha experiencia de mans libres avanza mentres temos as mans ocupadas ao volante.

Echo Auto é un dispositivo discreto que permite realizar numerosas funcións coa voz, facendo máis segura a condución

PUBLICIDADE