Egatel amosa en Singapur os seus transmisores de TV

luns, 9 de xuño do 2014 Redacción

Será do 17 ao 20 de xuño cando teña lugar o BroadcastAsia 2014, evento ao que un ano máis acudirá a empresa galega Egatel para dar a coñecer as últimas novidades en transmisores de TV. A exposición adicada a tecnoloxías dixitais multimedia e de lecer levarase a cabo no Hotel Marina Bay Sands, en Singapur. Egatel presentará na caseta 5K6-05 os seus novos transmisores de TV de alta eficiencia -banda larga da serie WHET (Wideband High Efficiency Transmitters).
Segundo explica a empresa galega, “a solución Doherty que optimiza a eficiencia dos transmisores é por primeira vez banda larga, o que significa que é aplicábel a toda a banda UHF e non será preciso que os operadores fagan ningún cambio nin modificación nos amplificadores perante un cambio de canle”.
Como exemplo da Serie WHET, exhibirase un transmisor de 3KW DVB/ISDB (4KW ATSC), modelo TLWH7804. O equipo de refrixeración líquida caracterízase polo seu deseño 100% modular e inclúe un sistema de bombas inserido no mesmo rack que o transmisor, optimizando o investimento e o deseño das instalacións.
En refrixeración por ar presentarase e realizaranse demostracións en funcionamento real cun Transmisor Doherty de 600Wrms DVB-T/T2, co que se poden levar a cabo integracións de até 6 amplificadores por rack cun bo rendemento enerxético. O deseño dos amplificadores caracterízase por evitar a circulación de aire por placas ou compoñentes, redundando fontes de alimentación extraíbeis polo frontal ou dispoñendo os ventiladores na parte exterior para unha sinxela substitución sen necesidade de abrir o módulo.
A tecnoloxía Doherty aplicada nos amplificadores achega un rendemento de até un 42% en ATSC e 38% en DVB/ISDB, optimizando de xeito significativo o consumo enerxético e os custos de operación.

PUBLICIDADE