Elgato estrea micrófonos para creadores de contido

venres, 19 de xuño do 2020 Marcus Fernández

A marca de accesorios orientados aos gamers Elgato amplía o seu catálogo de produtos incorporando por primeira vez micrófonos, buscando así que os creadores de contidos en liña poidan gozar dunha calidade de son a nivel profesional e cun alto nivel de control.
Os micrófonos en cuestión son os Elgato Wave:1 e Wave:3, ofrecen unha calidade parella á dos micrófonos de estudio valéndose dunha cápsula de condensador cardioide e dun conversor analóxico-dixital de 24 bits. Mediante unha tecnoloxía anti-distorsión os micrófonos analizan a entrada en tempo real e, cando detectan un pico, o son rediríxese a un nivel de volume inferior, conseguindo así un estable e limpo. Tamén permiten a aplicación de filtros de paso baixo para eliminar certas interferencias, integran un filtro antivento interno (que evita que a respiración afecte ás gravacións), conta con saída de jack de 3,5 milímetros con saída de 24 bits en alta resolución, permite a monitorización sen latencia e o seu soporte pode colocarse sobre o escritorio ou adaptarse a un brazo articulado.
O Wave:1 é un micrófono cunha rosca de volume que tamén pode premerse para silenciar o dispositivo, e conta tamén cun anel LED que permite saber se o micrófono está silenciado cunha simple ollada; mentres que o Wave:3 é un dispositivo máis avanzado, que silénciase cun simple toque (grazas a que conta cun sensor capacitivo) mentres que a rosca pode aproveitarse para controlar o volume, a ganancia e o fundido entre o son do micrófono e o son do ordenador. Amais, o Wave:1 rexistra o son a 48 kHz, mentres que o Wave:3 faino a 96 kHz, conseguindo uns resultados máis definidos.
Ambos funcionan coa aplicación Wave Link, que resulta de grande utilidade para os creadores de contidos, xa que vén a ser unha mesturadora de son que controla o micrófono e até 8 fontes de audio adicionais, para que sexa doado combinar voz, música, efectos, son de xogos, videoconferencias... sendo posible separar a saída en 2 mesturas diferentes (unha para que escoite o usuario e outra para a audiencia) o que resulta ideal para as retransmisións en directo.
O micrófono Elgato Wave:1 véndese a un prezo de 139,99 euros, mentres que o Wave:3 ten un prezo de 169,99 euros, incluíndo en ambos casos o cable USB-C para conectar a un equipo informático, un soporte para o escritorio e un adaptador para empregar un brazo articulado. En breve estarán dispoñibles accesorios como unha extensión para o soporte de escritorio (composto por 2 barras de 5 centímetros, que facilitan a elevación do micrófono), un filtro antipop e unha montura con amortiguación (para illar o micrófono de ruídos ou golpes transmitidos por vibración).

Os novos micrófonos poden conectarse a brazos articulados.
Entre os accesorios dos novos micrófonos está un filtro antipop
Para evitar o ruído transmitido por vibracións poden adquirirse unha montura con amortiguación para os micrófonos de Elgato.

PUBLICIDADE