Elgato facilita ver a televisión en dispositivos móbiles

venres, 31 de agosto do 2012 Marcus Fernández

O EyeTV Mobile pode converter o iPad ou o iPhone nun televisor

Elgato anunciou que en setembro vai pór á venda en Europa un par de receptores de TDT pensados para dispositivos móbiles, de xeito que facilitan ver a televisión en smartphones e tablets. O primeiro destes dispositivos sería o EyeTV Mobile, produto que xa existía no catálogo de Elgato, pero que na súa revisión reduce o seu tamaño. Este receptor de TDT pode colocarse no conector dock do novo iPad, do iPad 2 ou do iPhone 4S para recibir o sinal televisivo a través dunha aplicación que podemos descargar de balde da App Store. O seu prezo de venda será de 89,95 libras esterlinas.
Pero máis interesante resulta o EyeTV Micro, que en vez de servir para dotar de TDT aos trebellos de Apple, fai o propio cos de Android, empregando como interface de comunicación un conector micro USB (polo que tamén poderían empregarse nun PC ou Mac). O prezo de venda do trebello será de 54,95 libras esterlinas, e para que funcione en terminais móbiles precisa de procesador de dobre núcleo e sistema operativo Android 4.0.3 ou superior (para o que tamén conta cunha aplicación de balde en Google Play).

Os novos receptores de TDT de Elgato son aptos para trebellos con iOS e Android

PUBLICIDADE