Elogia, recoñecida como a empresa de ecommerce máis destacada en México

venres, 28 de novembro do 2014 Redacción

A empresa de participación galega Elogia vén de obter un importante recoñecemento alén do Atlántico. Máis polo miúdo, foi premiada como Mellor Axencia de Mercadotecnia para Comercio Electrónico no evento eRetail Day Latinoamérica que se celebrou en Cidade de México o pasado mércores 26 de novembro, nunha cita desenvolvida no Hotel Sheraton María Isabel con boa parte do máis representativo do sector da publicidade en liña e o ecommerce do ámbito internacional. Trátase dun evento que se celebra cada ano en varios países dende 2008, da man do Instituto Latinoamericano de Comercio Electrónico.
O obxectivo do evento é “promover o desenvolvemento da actividade comercial ligada ás novas canles de comunicación a través de compartir as mellores prácticas e casos de éxito locais e rexionais sobre como administrar eficientemente unha canle online e xerar alto impacto en vendas”.
Desta volta, Elogia estaba nomeada na categoría de mellor axencia de mercadotecnia para ecommerce xunto as axencias Avatar e Azul. Finalmente, o xurado internacional seleccionou a empresa que dirixe o galego Rubén Ferreiro como a compañía que polo seu desenvolvemento e contribucións aos negocios por Internet “é a máis salientable de México”. Segundo a división mexicana de Elogia, comandada por Pedro Menéndez, “trátase dun recoñecemento ao traballo de todo o equipo, o esforzo por especializarnos en mercadotecnia para comercio electrónico que empeza a recoller os seus froitos”.