Elon Musk despide a metade dos traballadores de Twitter

venres, 4 de novembro do 2022 Marcus Fernández

Comunicado no que explican aos traballadores de Twitter como saber se conservan o seu emprego

Os temidos despedimentos masivos en Twitter xa son unha realidade, realizándose o procedemento dun dos peores xeitos posibles, polo que puido saberse, xa que a comunicación sobre a situación laboral de cada traballador comunicóuselle por correo electrónico dun xeito sumamente irregular: os traballadores que seguen na compañía reciben unha notificación no seu correo corporativo, mentres que os que están despedidos reciben a súa comunicación no seu correo electrónico persoal xa que cortáronlles o acceso ao correo electrónico corporativo sen previo aviso.
A cousa non só queda aí, senón que os despedimentos terían vulnerado a lexislación laboral de California, que obriga a que os despedimentos masivos teñen que comunicarse con 60 días de antelación, polo que xa van presentar unha demanda colectiva contra Twitter na que confían que participen os preto de 3.700 traballadores despedidos (a metade do cadro de persoal).
O anuncio ao respecto por parte de Musk deixa en evidencia a súa insensibilidade neste ámbito, xa que detalla que os traballadores despedidos recibirán 3 meses de finiquito, o que sería un 50% máis do requirido legalmente, omitindo que terían que permanecer na empresa como mínimo 60 días máis, polo que realmente a cantidade que terían que percibir sería aínda maior. Como xustificación Musk sostén que Twitter está a ter unhas perdas de máis de 4 millóns de dólares ao día (omitindo tamén que a meirande parte desas perdas corresponden aos intereses derivados da débeda contraída para a compra de Twitter).
Durante a xornada Musk tamén realizou outras declaracións incendiarias, como asegurar que Twitter está a experimentar unha caída masiva nos seus ingresos por culpa de grupos de activistas que presionaron a anunciantes, ou incluso chegar a dicir que a seguridade e a moderación en Twitter non vai empeorar por mor dos despedimentos, afirmación que carece de todo sustento (aínda que no departamento de seguridade os despedimentos só foron do 15%, é evidente que menos persoal non pode atender coa mesma eficiencia as súas tarefas e, de feito, sempre se criticou que era preciso reforzar esta división, pois a moderación en Twitter é moi deficiente).
En calquera caso, o que si podemos asegurar claramente é que Twitter xa non é a mesma compañía que a semana pasada.

PUBLICIDADE