En marcha un novo centro demostrador TIC de tecnoloxías marítimas da beira atlántica

mércores, 16 de setembro do 2015 Redacción

Finalmente chegou ao seu remate o Proxecto Europeo STAMAR, do que temos falado en Código Cero salientando a nosa posición de líderes na iniciativa, unha achega transfronteiriza liderada pola AMTEGA e destinada a mellorar a competitividade e a capacidade de innovación das PEME do sector marítimo do Espazo Atlántico, favorecendo os procesos de transferencia tecnolóxica. O peche oficial do proxecto formalizouse hoxe en Santiago, nun acto que serviu para facer balance das accións desenvolvidas. A xornada foi inaugurada pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira.
No evento lembrouse, para comezar, que un dos retos do proxecto foi o de crear un Centro Transnacional Demostrador de Tecnoloxías, baseado na experiencia do Centro Demostrador TIC de Galicia. Segundo se fixo saber, este espazo internacional é xa “unha realidade” con sede física de seu en cada un dos países socios. “Esta rede”, fíxose saber na xornada, “é chave para dar continuidade á divulgación das tecnoloxías TIC do eido marítimo e ao catálogo de tecnoloxías (BAT) elaborado ao abeiro de iniciativa”.
Por certo que o BAT, para quen non o saiba, é un documento no que se catalogan 29 tecnoloxías cunha media de entre tres e seis solucións por socio. Polo que respecta á nosa terra, identificáronse 23 tecnoloxías salientábeis, polo que se decidiu, ademais de incluír unha selección no BAT, “elaborar un catálogo específico de tecnoloxías galegas para difundir o potencial da Comunidade neste eido”, faise saber dende AMTEGA, que lembra que ambos documentos servirán “para dar a coñecer estes avances tecnolóxicos ao sector marítimo e tamén para fomentar o coñecemento a nivel comunitario destes produtos tecnolóxicos e dos centros e empresas TIC que os desenvolveron, contribuíndo a apertura de novas oportunidades de mercado”.
Ademais da elaboración do BAT, STAMAR desenvolveu en algo máis de ano e medio “un amplo conxunto de iniciativas”, explicaron os seus responsábeis, salientando achegas como o estudo de Identificación das necesidades tecnolóxicas do sector marítimo no que se compilaron as opinións de até 428 empresas dos principais subsectores deste eido (construción naval, pesca extractiva, transporte, náutica e industria alimentaria). “As conclusións deste estudo”, engádese dende AMTEGA, “poñen de manifesto a necesidade de impulsar iniciativas para integrar as TIC no sector, xa que o 80% das empresas do naval galego consideran importante o papel da tecnoloxía para o conxunto do sector, moi especialmente as adicadas ao transporte e á construción naval”.

PUBLICIDADE