En marcha un plan de multinacionais TIC para meter na nube ás PEME españolas
martes, 6 de marzo do 2012
Unha alianza constituída por algunha das
empresas TIC que máis diñeiro moven no Estado vén de unir forzas con diversas
asociacións empresariais para achegar os seus servizos de xestión e computación
na nube ao día da día das PEME españolas. A alianza está formada por
multinacionais como Microsoft, Intel, HP, Nokia ou Vodafone, xunto con asociacións
como CEOE, ATA e CEAT. A iniciativa en común chámase Plan de Competitividade, e
nace, subliñan, como “resposta do sector
TIC á imperativa necesidade de mellorar a competitividade das pequenas e
medianas empresas españolas a través dun emprego eficaz da computación da nube
e das novas tecnoloxías en xeral”.
A computación na nube, cómpre recordalo, é un
tipo de traballo empresarial que se realiza en liña, sen coñecemento na xestión
dos recursos que se empregan e con total dispoñibilidade espacial e temporal.
En definitiva, é como tirar abaixo as limitacións físicas dunha oficina e permitir
a entrada de axentes e servizos externos que faciliten o traballo. Isto conséguese
poñendo a disposición de quen non ten coñecementos de tecnolóxica, resumidas e
democratizadas, as ferramentas de alta tecnoloxía.
A iniciativa da que estamos a falar conta co
apoio do Ministerio de Industria e terá unha traxectoria de tres anos. O
obxectivo é chegar a un millón de empresas e autónomos, co fin de “axudalos a adoptar as últimas solucións
tecnolóxicas”, informan. As solucións virán acompañadas de formación e
asesoramento sobre boas prácticas empresariais arredor das TIC.
O primeiro piar do Plan é o portal minegocio365.es, no que as compañías
participantes amosarán casos prácticos a través de vídeos de PEME que xa fixeron
seus os devanditos servizos da nube. Amais desta web, o Plan inclúe eventos e
obradoiros que percorrerán a xeografía española nos vindeiros tres anos. Para
comezar, lánzase a campaña Destino na Nube, estes 6 e 7 de marzo, un evento que
chega á súa segunda edición e que reúne baixo un mesmo teito a 3.000 responsábeis
de informática, desenvolvedores e arquitectos TIC.