Energy Sistem casa LEGO e Windows 10 para chegar aos pequenos da casa
martes, 22 de decembro do 2015
As tabletas son un tipo de dispositivo electrónico de moi
boa acollida no ámbito familiar, sendo Android o sistema operativo que impera
cando se trata de mercar unha tableta para os máis cativos do fogar, pero dende
Energy Sistem consideran que Windows 10 pode ser unha solución igual de boa,
polo que decidiron comercializar unha
LEGO Edition da súa Energy Tablet 8” Windows, que chega ao mercado cunha
aparencia atractiva, contidos exclusivos de LEGO
City e LEGO Friends pre-cargados
e un prezo bastante axustado (o seu prezo oficial é de 109 euros, pero en
Carrefour véndese de oferta a 99 euros).
Esta tableta conta cunha pantalla IPS de 8 polgadas cunha resolución de 1.280 x
800 píxeles, formato bastante acaído para os pequenos; funciona cun procesador
Intel Atom Z3735F a 1,83 GHz, 1 GB de RAM, 16 GB de almacenamento interno
(ampliable mediante tarxetas de memoria microSD de até 128 GB), cámaras frontal
e traseira de 2 Mpíxeles, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, saída HDMI, batería de 4.000
mAh (cunha autonomía de até 5 horas de navegación Wi-Fi), un grosor de 10 milímetros
e un peso de 368 gramos.
Temos así un equipo con Windows 10, que tanto serve para o lecer electrónico
como para a meirande parte de funcións que permitiría un ordenador ordinario (polo
que pode entenderse como unha introdución á informática para os raparigos),
pero podendo sostelo na man e transportalo con comodidade. A súa estética tamén
facilita que resulte atractivo, polo que non sería de sorprender que no Nadal
as tabletas con Windows como esta poidan facerse un oco entre a vaga de
tabletas con Android que se venderon nestas datas os últimos anos.
- A tableta con Windows 10 pode ser de utilidade para toda a familia, aínda que a súa estética vaia dirixida aos pequenos
Vídeo promocional da Energy Tablet 8" Windows