Entrevistamos a María Cruz Lorenzo, responsable de Arume, empresa galega recoñecida nos Premios TAW de accesibilidade

mércores, 29 de novembro do 2006 Fernando Sarasketa

A empresa galega Arume Desenvolvementos Informáticos está entre os premiados na segunda convocatoria dos Premios TAW (Test de Accesibilidade Web), galardóns nos que concorreron 144 participantes de toda España e que recoñecen o traballo feito por institucións e entidades privadas a prol de diminuír ou -a poder ser- eliminar os atrancos que teñen no camiño as persoas con discapacidades á hora de integrarse na Sociedade da Información.
Cómpre sinalar que Arume é unha empresa da Coruña e que desenvolve o seu labor no eido da enxeñería informática. Ó fronte de Arume atópase a moza María Cruz Lorenzo, que dende a posta en marcha deste proxecto (en maio de 2006) empresta especial atención ás esixencias e estándares de accesibilidade e calidade internacionais, como WAI ou W3C.
Ó seu xuízo, é ben posible desenvolver un traballo ó mesmo tempo que se fai algo polos demais, concretamente por toda a xente que non distingue as cores da pantalla, que usa navegadores distintos ou que non pode mover o rato.
Segundo di María, é unha mágoa que moitas veces a xente opte por páxinas en movemento (Flash), moi vistosas e espectaculares pero inaccesibles para moitas persoas. Na cuestión Flash ela teno ben claro: todos prememos saltar intro agás quen fixo a presentación e os seus achegados (probablemente obrigados).

Podemos ver o resto dos premiados (o Concello de Zaragoza, Caixa Terrasa, o Portal Maiores do IMSERSO e Circunvalación do Hipocampo) nas diferentes categorías na web de TAW.

-Comezamos coa pregunta inevitable pero non por iso innecesaria: que significa para ti este recoñecemento?
-Unha sensación moi gratificante xa que agora sei que polo menos alguén aprecia o esforzo de facer as cousas ben e pensando en todo o mundo.
-Cres que o da Fundación CTIC é un recoñecemento fiable, digno de ser tido en conta, a diferenza doutros galardóns dos que non queremos lembrarnos que semellan palmadiñas interesadas nas costas ou resolucións de compromisos?
-Eu creo e espero que si, xa que fose un premio de “cara á galería” recaería nalgunha empresa máis grande, importante ou mediática.
-Que vai pasar a partir de agora? Vai cambiar en algo o rumbo de Arume?
-Si e non. Non cambiarán os obxectivos nin o xeito de facer as cousas, Arume seguirá a tentar facer as cousas o mellor posible, coma até o de agora, aínda que no aspecto máis empresarial espero aproveitar este galardón para conseguir que outras empresas confíen en Arume para estandarizar e facer máis accesibles as súas webs. Tentar conseguir máis traballo ó mesmo tempo que se fai algo bo polos demais.
-Que sabes dos restantes premiados? Brevemente: que salientarías deles?
-A verdade é que son páxinas que non coñecía, xa que son o Portal Maiores do IMSERSO, o concello de Zaragoza, Caixa Terrassa, ... páxinas polas que non adoito a moverme. Salientar de eles o gran esforzo que tivo que supoñer cambiar deste xeito as cousas para unhas páxinas con tanto contido e tanta burocracia de por medio.
-Tes coñecemento dalgunha institución, colectivo sen ánimo de lucro ou empresa que, ó teu xuízo, sexa igual de merecedora de recoñecementos polo seu labor en contra das e-barreiras? Dito doutro xeito: a quen lle darías ti o premio se estiveses en disposición de dalo?
-Hai moitas empresas que merecen ese recoñecemento (entre elas o CTIC), pero a verdade é que creo que hai moitas máis das que esperaba máis compromiso pola súa parte con esta causa. Por poñer exemplos: a maioría das páxinas da Xunta, a páxina de Facenda e a miña maior decepción, a páxina da ONCE, cun nivel de accesibilidade que deixa moito que desexar.
-Por que cousas loita Arume en Internet? É posible ter hoxe en día entre mans unha empresa con ideais e apoiada sobre un compromiso social?
-Se che digo a verdade, é moi difícil. Como seguro que xa dixo alguén, os ideais non dan de comer. O problema dunha empresa pequena que está comezando como Arume é conseguir arrincar e sobrevivir e, para iso, ás veces hai que renunciar ós ideais. Estaría encantada de poder dicirlle a tódolos clientes que ou facemos as cousas ben ou non se fan, mais o cliente manda e case tódolos proxectos están condicionados polas présas e polos cartos. O primeiro ó que renuncia o cliente é á accesibilidade, á estandarización e a cousas dese estilo. Non se decatan de que a longo prazo van ter que cambiar (ou iso espero) e que é mellor ter as cousas ben feitas dende o principio. En fin, eu seguirei poñendo o meu gran de area sempre que poida.
-Falando en termos estritamente empresariais e de negocio: que é o que ofrece a túa empresa? Que é o que pon no mercado?
-Ten dous sectores diferenciados. Por unha banda, todo o que teña que ver coa Web, dende páxinas sinxelas, tendas virtuais ou foros até portais web para levar unha empresa dende a Rede. Ademais, achegamos servizos de aloxamento e rexistro de dominios asociados a estes produtos. Por outra banda, Arume desenvolve aplicacións informáticas de escritorio, como por exemplo un xerador de horarios para institutos ou un programa de xestión de clientes para un centro de beleza.
-Por que é necesaria a accesibilidade? Que vantaxes sacamos dela?
-A accesibilidade (na Rede) serve para que calquera persoa, sen importar as súas condicións tanto físicas como psíquicas ou de equipamento, teña acceso ós contidos dos sitios dunha forma razoablemente cómoda. Así, unha páxina accesible ten que ter en conta que hai xente que precisa letras grandes ou pequenas, que non distingue as cores, que non ve, que non oe, que ten unha conexión moi lenta, que emprega un navegador diferente, que non pode usar o rato ou non é precisa con el, que ten un monitor pequeno ou moi grande... e tentar que toda esta xente siga podendo acceder a ela. A pregunta non é “por que é necesaria a accesibilidade?”, senón “como te podes plantear sequera deixar fóra a esta xente?”. Por desgraza, a resposta á miña pregunta soe ser: “porque quero que a miña web teña movemento e que o usuario a vexa como a min me gusta, sen importar as súas preferencias”. De tódolos xeitos, o tempo pon a cada un no seu sitio e, un día, esta xente terá 60, 70 ou 80 anos e xa non contará coa vista dos seus anos mozos, o seu pulso co rato xa non será o que era e, entón, decatarase do erro de poñer un menú en Flash no que se moven os botóns cunha letra anana.
-É certo que os criterios de accesibilidade lle quitan o bonito á páxina web? Dito doutro xeito: pode haber un portal accesible que, así e todo, sexa agradable de ver?
-Para nada. Non tes máis que ver as páxinas dos gañadores deste ano, que a min parécenme moi agradables. O único neste aspecto que ten problemas reais de accesibilidade son o Flash e o Javascript, xa que son obxectos que lle chegan ó usuario final sen que este poida cambiar nada (o tamaño de letra, a cor de fondo,...) e que adoitan a ter elementos en movemento (imaxínate a un tetrapléxico intentando premer nun botón que se move pola pantalla). Ademais, a min persoalmente parécenme as cousas máis horrendas do mundo e o primeiro que fago ó ver unha presentación Flash é buscar o botón de saltar intro (coma todo o mundo, agás o que fixo a presentación).

PUBLICIDADE