Epson aposta pola visión estereoscópica nos seus novos lentes intelixentes

mércores, 7 de maio do 2014 Marcus Fernández

Os lentes Moverio BT-200 integran pantallas LCD capaces de achegar unha revolucionaria experiencia de realidade aumentada

Google non é a única compañía que está a traballar en tecnoloxía de lentes, e Epson, que xa fixera un achegamento ao sector hai bastantes meses, decidiu renovar a súa aposta, e vén de pór á venda nos EE.UU. os seus novos lentes intelixente Moverio BT-200 a un prezo de 699,99 dólares, que chegarán a España no mes de xuño.
Este trebello consiste nuns lentes binoculares conectados a un dispositivo controlador que opera con Android 4.0.1, procesador de dobre núcleo a 1,2 GHz, 1 Gb de RAM, 8 Gb de memoria interna ampliable mediante microSD de ata 32 Gb, Wi-Fi N, Bluetooth 3.0, Miracast, xiroscopio, acelerómetro, micrófono, cámara e batería de 2.720 mAh (o que supón unha autonomía de ata 6 horas), permitindo converter a este produto nunha solución capaz de servir para consumir contidos audiovisuais, obter información da Internet e outros dispositivos e incluso crear unha experiencia de realidade aumentada única. Cómpre destacar que ao estarmos ante un produto cunha pantalla para cada ollo, serve para a visualización de contidos 3D, á vez que pode conseguir que a realidade aumentada sexa moito máis realista grazas á sensación de profundidade que pode conseguir.

Un protector lumínico permite que as imaxes sobreimpresas gañen forza

Esta tecnoloxía podería ser moi interesante para usos profesionais, nos que a realidade aumentada puidese engadir valor sen ocupar as mans do usuario. Estes lentes integran unha pantalla de só 0,42 polgadas cunha resolución de 960 x 540 píxeles, que conseguen dar a impresión de ver un televisor de 40 polgadas a 2,5 metros, estando a información en pantalla superposta ao mundo real, xa que proxéctase nunha superficie transparente, sendo posible dar unha maior visibilidade dos contidos sobreimpresos convertendo os accesorio nuns lentes de sol mediante un protector lumínico.
Supón un importante avance con respecto aos lentes Moverio BT-100, que funcionaban con Android 2.2, carecían de cámara e Bluetooth e pesaban 240 gramos, mentres que este novo modelo de lentes reduce o seu peso ata os 88 gramos grazas ao seu deseño moito máis compacto e discreto.

Os lentes están apoiados por un controlador que funciona con Android

PUBLICIDADE