España sitúase no posto 24 da listaxe dos países máis fortes a nivel TIC

mércores, 28 de setembro do 2011 Fernando Sarasketa

Non é moito pero menos dá unha pedra. España sube un posto entre os países máis competitivos no plano tecnolóxico-dixital, segundo un informe publicado estes días por Business Software Alliance, a plataforma que vela polos intereses da industria do sector a nivel internacional. Deste xeito, España emprazaríase arestora no posto número 24, subindo un chanzo do ranking con respecto ao acadado no estudo de 2009. No primeiro posto, como era de agardar, tendo en conta Silicon Valley e outras cousas, está un ano máis Estados Unidos, seguido por Finlandia, Singapur, Suecia, Reino Unido, Dinamarca, Irlanda, Australia, Holanda e Israel.
O estudo está feito sobre a base de 66 países de todo o planeta, téndose en conta para realizalo unha serie de parámetros ligados á capacidade de innovación no eido das novas tecnoloxías da información, como por exemplo o capital humano, a formación, a aposta pola innovación (pública e privada), o apoio das institucións ou o medio legal, entre outras cousas. O informe deste ano, sexa como sexa, achega poucas variacións respecto ao de 2009. É dicir, os países que eran potentes daquela no eido TIC, seguen a selo. Cómpre sinalar que isto non é froito dun día, e que os froitos que se recollen agora son o produto de moitos anos de forte investimento en innovación. Tomemos nota.

PUBLICIDADE