Estudantes de secundaria mergúllanse no quefacer diario de SIVSA

martes, 2 de abril do 2019 Fernando Sarasketa

A empresa galega SIVSA, centrada en servizos tecnolóxico-dixitais avanzados, deu acollida estas últimas semanas a un grupo de estudantes da nosa terra para mergullalos no día a día dunha firma TIC, neste caso concreto o “día a día” de SIVSA. Na experiencia participaron cinco rapaces que cursan estudan nos IES Castelao, Monte Carrasco, Carlos Casares e Beade. A súa estadía na sede central de SIVSA (onde coñeceron de primeira as instalacións e puideron dar conta do traballo da empresa en proxectos innovadores e desenvolvementos tecnolóxicos) foi posíbel grazas á iniciativa Tecnólog@s por un día, impulsada pola axencia AMTEGA.
O alumnado forma parte do grupo de 65 rapazas e rapaces, de entre 12 e 17 anos, que ao longo deste mes de marzo participaron na devandita actividade de AMTEGA, impulsada no marco do Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia 2020 (DigiTalent), e que ten como obxectivo fomentar as vocacións STEM, achegando a mocidade ás profesións científico-tecnolóxicas. Segundo nos lembra SIVSA, trátase da segunda edición da iniciativa, que rexistrou máis de 200 solicitudes de 50 centros educativos de máis de 25 concellos galegos, o que supón unha cifra que duplica a acadada na primeira entrega.
Por certo que AMTEGA porá en marcha unha nova convocatoria no segundo semestre de 2019 para continuar achegando as mozas e os mozos ás profesións TIC. Nesta nova quenda procurarase contribuír a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos eidos STEM, reservando un terzo das prazas para nenas co obxectivo de reforzar o atractivo vocacional destas mozas polas profesións TIC.
Dende SIVSA expresaron o seu desexo de que “esta sexa a primeira doutras moitas visitas de mozas e mozos interesadas e interesados no sector TIC e que, con elas, contribuamos a fomentar a súa vocación por este apaixonante mundo, pór un pouco de luz nas súas dúbidas profesionais e, sobre todo, atraer moito talento TIC entre as futuras xeracións”.

PUBLICIDADE