Evercade VS, unha nova consola doméstica retro

venres, 23 de abril do 2021 Marcus Fernández

O ano pasado chegou ao mercado unha curiosa consola portátil con aire retro chamada Evercade, que como principal característica tiña que os seus xogos cargábanse mediante cartuchos con coleccións de xogos clásicos de compañías como Atari, Data East, Namco e outras; e agora o seu fabricante quere levar esta experiencia un paso máis adiante e anuncia a Evercade VS, unha versión de sobremesa desta consola, que funciona cos mesmos cartuchos de xogos, pero que destaca por conectarse ao televisor por HDMI (achegando unha imaxe Full HD) e permitir a conexión de até 4 mandos USB, de xeito que permite gozar ao máximo dos títulos multixogador.
Para unha maior comodidade, a Evercade VS permite a conexión de 2 cartuchos simultáneos, de xeito que sería posible ter até 40 xogos á vez do catálogo de máis de 260 que hai actualmente para a primeira Evercade, e que pretende ampliarse considerablemente coa chegada da nova máquina.
Está previsto que esta consola retro chegue ao mercado no mes de novembro a un prezo de 99,99 euros, abríndose a reserva para a mesma o 28 de maio, aínda que podemos entender que terá un mercado moi limitado, xa que é un produto que ten un prezo moi elevado, e os seus xogos máis interesantes xa están dispoñibles para ordenadores persoais e consolas, polo que non é preciso facerse con este hardware para gozar dos grandes clásicos no televisor.

Vídeo de presentación da Evercade VS