Eye-Fi presenta novas tarxetas SD con Wi-Fi N

xoves, 25 de marzo do 2010 Marcus Fernández

Cando tomamos fotografías dende un smartphone temos doada a súa publicación na Internet ou a súa copia a outros dispositivos, pero estas posibilidades están normalmente afastadas das cámaras dixitais tradicionais, de aí que Eye-Fi teña unha ampla gama de tarxetas SD que incorpora conectividade Wi-Fi, o que engade múltiples posibilidades, e esta semana estrearon novos modelos como son a Eye-Fi Connect X2 de 4 Gb, que conta cunha velocidade de transferencia de ata 6 Mbytes/seg. e unha capacidade de 4 Gb, ao que hai que engadir a característica Endless Memory, consistente en que as imaxes máis vellas das que fixeramos copia a outros dispositivos iranse borrando de xeito automático en caso de precisarse máis espazo de disco. A súa conectividade sen fíos é Wi-Fi N e o seu prezo de venda é de 49,99 dólares.
A Eye-Fi Explore X2 tamén vai a 6 Mbytes/seg. e goza de Wi-Fi N, pero coma engadido conta con 8 Gb de capacidade e con funcións de xeolocalización. As imaxes tomadas tamén poden subirse de xeito automático a máis de 25 redes sociais e o prezo de venda desta tarxeta de memoria é de 99,99 dólares.
Superando a estas tarxetas de memoria teriamos á Eye-Fi Pro X2 de 8 Gb a un prezo de 149,99 dólares, destacando nesta ocasión por permitir a copia de contidos ad hoc (ou sexa, a un ordenador portátil ao que se conectaría por Wi-Fi sen intervención dun punto de acceso intermedio) e soportar imaxes RAW.
A principal vantaxe destas tarxetas de memoria é que permiten prescindir do ordenador para gardar as nosas fotografías na Rede, aínda que moitos tamén agradecerán o feito de que poida programarse que as imaxes cópiense de xeito automático a un cartafol dun equipo da nosa rede local, o que dá certa tranquilidade ao usuario, que non ten que preocuparse de facer copias de seguridade das súas instantáneas.


Explicación do funcionamento das novas tarxetas SD de Eye-Fi

PUBLICIDADE