FESTGalicia.gal preséntase na Ourense ICC Week

xoves, 4 de abril do 2019 Redacción

A ICC Week, a semana das industrias culturais e a innovación de Ourense, está estes días acollendo actividades que nos serven para coñecer a vangarda do noso pulo creativo en calquera das súas manifestacións. Un exemplo disto foi a presentación da plataforma FESTgalicia.gal, cuxos vindeiros pasos foron dados a coñecer polo director da axencia AGADIC, Jacobo Sutil. Segundo lembrou no relatorio específico sobre a plataforma, a través desta búscase promover o turismo musical (e Galicia como destino musical) seguindo criterios de “calidade, sustentabilidade e responsabilidade social”.
A plataforma, que tamén é marca, acolle festivais que funcionan de xeito profesional e que se preocupan por achegar ingredientes extra (valores solidarios, sociais, culturais, artísticos, económicos, etc) á contribución puramente artística. FEST Galicia sería un evento practicamente pioneiro a nivel estatal en atermia de turismo de festivais. A posta en marcha da iniciativa é froito do traballo de AGADIC en estreita colaboración cos certames adheridos e a Asociación de Festivais de Galicia.
Amais de todo o devandito, Sutil avanzou que este venres o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará unha nova convocatoria de adhesión á marca para festivais que se celebren entre o 1 de xuño e o 30 de setembro de 2019. Trátase dunha resolución conxunta entre a AGADIC e Turismo de Galicia, que destina 350.000 euros a consolidar e impulsar a estratexia de colaboración que se iniciou o ano pasado, e inclúe tamén a achega económica da Secretaría Xeral de Igualdade para as accións relacionadas coa campaña Agresión OFF. Eu digo non á violencia sexual.

PUBLICIDADE