Facebook presenta o seu primeiro Portal portátil

martes, 21 de setembro do 2021 Marcus Fernández

Dende hai varios anos Facebook comercializa con pouco éxito dispositivos orientados a facer máis naturais as videoconferencias, pero a súa reducida visibilidade no mercado non impide que a súa gama medre, e hoxe presentan dous novos integrantes da familia Portal.
O trebello máis interesante sería o Portal Go, cunha pantalla de 10 polgadas e un potente altofalante, que destaca por integrar unha batería recargable, de xeito que podemos levar as videoconferencias de Messenger, WhatsApp e Zoom a calquera recuncho da casa, podendo gozar tamén de música de Spotify e do asistente Alexa, polo que quere ser un integrante máis do fogar conectado. O seu prezo de venda será de 229 euros.
Tamén se renova o Portal+, que agora está equipado cunha pantalla de 14 polgadas inclinable, conseguindo así unha maior versatilidade (o modelo anterior optaba por unha pantalla rotatoria). Ten as mesmas funcións que o resto de dispositivos Portal, sendo a súa fortaleza o tamaño da súa pantalla. Venderase a 369 euros.
Ambos dispositivos están orientados á realización de videoconferencias tirando proveito da súa cámara, que integra tecnoloxía de encadre automático, ou sexa, que segue ás persoas que ten diante durante as xuntanzas en vídeo. Cómpre salientar que aínda que orixinalmente se deseñasen como produtos domésticos teñen previsto incorporarlles soporte de Microsoft Teams, así como lanzar un servizo nos EE.UU. chamado Portal for Business, co que facilitar o uso destes trebellos para a produtividade laboral.

PUBLICIDADE