Festival de cores para a volta á uni e ao insti

xoves, 25 de setembro do 2008 Raquel Noya

Port Desings, empresa fabricante de solucións de transporte, protección e ergonomía para ordenadores portátiles, vén de presentar a súa nova liña de fundas de neopreno para este tipo de dispositivos que, como novidade e para que non esquezamos de todo as vacacións, veñen nunha chea de cores que nos lembran ao verán e á alegría do bo tempo.
As fundas Miami, para ordenador portátil e Kyoto Colors, para disco duro, ofrécense como “a solución perfecta” para transportar os dispositivos electrónicos que precisamos no noso día a día con maior seguridade, sen deixar de ofrecerlle un toque de “frescura” e bo humor ao noso lugar de estudo ou traballo.
Ambos modelos están dispoñibles en seis cores diferentes: laranxa, rosa, vermello, verde, azul mariño e violeta, para que o usuario poida escoller o que mellor se adapta aos seus gustos persoais, estado de ánimo ou, por qué non (para os máis presumidos e presumidas) ás tonalidades da súa vestimenta; iso si, tódalas fundas presentan cadanseu ribete e cremalleira nunha discreta cor branca.
Asemade, pola súa composición (de neopreno de alta calidade), estas fundas non só son atractivas para lucir entre os máis achegados e demais familia, senón que son o accesorio perfecto para pasar o portátil polo detector de raios X dos aeroportos sen que se resintan os nosos arquivos e para protexelo do po do escritorio que se mete entre as súas pezas.
As fundas Miami están dispoñibles en catro formatos diferentes, para portátiles de 9-10”, 12-13,30”, 14-15,4” e 17” e o seu prezo é de 15,90 euros.
Tanto as devanditas fundas como as Kyoto Colors para discos duros de 2,5” (dispoñibles na mesma gama que as Miami) están dispoñibles en tódalas tendas Fnac, Mediamarkt e distribuidores especializados.

PUBLICIDADE