Filtran detalles das futuras Apple Glass
mércores, 20 de maio do 2020
O hermetismo de Apple conseguiu que os seus lanzamentos
fosen confidenciais até poucas horas antes da súa presentación oficial ou
incluso chegaron a ser auténticas sorpresas no caso de produtos que non comezaran
a súa produción fóra de EE.UU., pero nos últimos meses xurdiron numerosos
detalles sobre futuros dispositivos de Apple, filtrados en moitos casos por
unha única persoa, Jon Prosser, que de confirmarse estragaría a sorpresa a
moitos.
Segundo Prosser, que parece ter fontes bastante solventes dentro de Apple, un
dos produtos máis rumoreados dos últimos anos, a lentes
de realidade aumentada de Apple, estarían bastante preto de converterse
nunha realidade, aínda que a presentación deste accesorio do iPhone dependería
moito de como evolucione a actual crise sanitaria, xa que a intención sería
amosar as Apple Glasses a xeito de sorpresa final nunha presentación de Apple a
finais do presente ano ou a comezos do que vén.
As Apple Glass serían unas lentes bastante tradicionais, que poderían equiparse
con cristais graduados (aínda que non de sol) e que funcionarían en combinación
cun iPhone (dispositivo que procesaría o sinal recollido por un sensor LiDAR e
que enviaría o vídeo que se proxectaría fronte aos ollos). Coméntase que Apple
optaría por un sensor LiDAR en vez dunha cámara tradicional para evitar o rexeitamento
que provocaron no seu día as Google Glass.
Este novo dispositivo controlaríase mediante xestos, e como detalle máis
rechamante estaría o feito de que proxectan que o produto estea dispoñible para
o público a finais de 2021 ou comezos de 2022 a un prezo de 499 dólares, o que
sería moito menos que outros produtos comerciais semellantes, o que aumenta o
interese cara a este produto wearable que podería provocar o pulo que a
realidade aumentada precisa.
Segundo Prosser o anuncio das Glass tería lugar xunto ao dos novos iPhone 12,
do que tamén adianta que haberá 4 modelos, de xeito que a finais de ano habería
un iPhone 12 con pantalla de 5,4 polgadas, un iPhone 12 Max con pantalla de 6,1
polgadas, un iPhone 12 Pro con pantalla de 6,1 polgadas e un iPhone 12 Pro Max
con pantalla de 6,7 polgadas, que incluirían todos conectividade 5G e uns prezos
moi na liña dos iPhone actuais.
Vídeo no que desvelan os detalles das futuras Apple Glass