Fujitsu Siemens presenta un ordenador que consume 0 vatios apagado

luns, 2 de marzo do 2009 Marcus Fernández

Dende mañá e ata o domingo Hannover (Alemaña) acolle o CeBIT, feira tecnolóxica na que Fujitsu Siemens presentou o seu ordenador de sobremesa Esprimo 7935, que promete conseguir o seu consumo a 0 vatios cando o equipo está apagado (mentres que outros equipos consumen entre 1 e 4 vatios en tal situación).
Este tipo de medidas de aforro están a ser adoptadas por todo o sector da electrónica de consumo, para reducir o gasto provocado polos equipos informáticos e electrodomésticos cando non se estea a facer un uso produtivo dos mesmos. Tamén resulta moi interesante esta medida para grandes empresas cun número moi elevado de ordenadores, que teñen que facer fronte a un consumo nocturno elevado, pois teñen os equipos en espera para a instalación de actualizacións, o que non se podería facer se os usuarios desenchufasen os equipos, pero que coas novas tecnoloxías que se están a desenvolver poderanse combinar ambos mundos: o aforro enerxético e o acendido automático ou remoto.
O novo equipo de Fujitsu ten unha fonte de alimentación cunha eficiencia do 89%, cumpre coa normativa Energy Star 5.0 e terá un prezo de entre 600 e 700 euros.

PUBLICIDADE