GAIN celebra o 24 de febreiro na Fundación Barrié a nova edición do Foro Ignicia

mércores, 15 de febreiro do 2023 S. P.

O vindeiro venres 24 de febreiro, na sede da Fundación Barrié da Coruña, a Axencia Galega de Innovación (GAIN) celebrará o Foro Ignicia 2023, baixo o lema Impulsando a transferencia de coñecemento en Galicia. Coa participación de relatores nacionais e internacionais, amosarase o carácter pioneiro da nosa Comunidade impulsando o fluxo de innovación dende os ámbitos da investigación cara ás empresas e o mercado, dándose a coñecer, tamén, algunhas das próximas accións do Programa Ignicia para 2023 e 2024.
Asemade, presentaranse oportunidades para o financiamento internacional de proxectos de transferencia e contarase coa presenza de varias novas firmas innovadoras (startups) Ignicia.
O programa, promovido desde 2016 pola Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia en colaboración coa Fundación Barrié, ten como obxectivo “transferir os resultados da I+D xerada nos centros de coñecemento galegos ao tecido produtivo, de xeito que se valorice o investimento en ciencia, xerando tamén impacto na sociedade”.
Está aberto ata o 28 de febreiro o prazo de solicitude da Convocatoria Proba de Concepto, o instrumento de apoio económico do Programa Ignicia que facilita a chegada ao mercado das investigacións galegas.

PUBLICIDADE