Garmin Fénix, o reloxo GPS máis completo do mercado

mércores, 11 de xullo do 2012 Raquel Noya

Agora que estamos en pleno verán, malia que aquí en Galicia non o notemos, son moitas as persoas que aproveitan para poñerse en forma, e cambian o ximnasio polos deportes ao aire libre, como o sendeirismo ou o ciclismo de montaña, que non requiren demasiado material profesional e que permiten coñecer polo miúdo o entorno que nos rodea.
Porén tamén hai de quen gusta deste tipo de deportes de aventura todo o ano, de maneira que por exemplo os amantes do montañismo, a escalada, o alpinismo, o rápel, o barranquismo, o rafting ou o hidrospeed, entre outras moitas especialidades, precisan dun bo GPS que lles permita coñecer a ruta que levan (que soe ser longa), e que ademais sexa cómodo para transportar e consultar cando sexa preciso.
Para estas persoas chega ao mercado o Garmin Fénix, un novo GPS con formato de reloxo que foi deseñado á medida das necesidades dos amantes dos deportes de risco, e das paisaxes que presentan dificultades engadidas.
O Fénix foi pensado para proporcionar navegación GPS en lugares moi pouco frecuentados, polo que a súa característica máis importante ten máis relación coa autonomía e coa resistencia e non tanto co eido multimedia.
O dispositivo, que pode somerxerse ata 50 metros de profundidade, conta cunha pantalla LCD monocroma protexida por un cristal mineral antirraiaduras, así como cunha batería recargable que aguanta ate 50 horas en modo GPS e seis semanas en funcionamento normal como reloxo.
Ademais de módulo GPS, o Fénix incorpora altímetro, barómetro e un compás electrónico de tres eixes que mide con precisión a orientación do usuario; e a maiores conta cun módulo externo chamado Tempe que se vende aparte e que serve para levar conta da temperatura ambiente.
En modo GPS, o Garmin Fénix pode crear e gravar rutas sobre a marcha e permite establecer puntos de interese a vontade, de xeito que, seguindo a ruta á inversa, os seus creadores din que “é case imposible perderse no monte”. Tamén incorpora funcións de conta de calorías e rutinas deportivas, e todo polo módico prezo de 400 dólares, que teremos tempo de aforrar ata finais de ano que sae á venda.


Vídeo de presentación do novo reloxo GPS de Garmin

PUBLICIDADE