Garmin engade notificacións do smartphone ao seu último reloxo deportivo
mércores, 5 de agosto do 2015
Atendendo ás tendencias de mercado, concretamente á
emerxencia dos smartwatches, Garmin
está a actualizar o seu catálogo de reloxos deportivos, e a súa última
incorporación resulta bastante interesante, pois sería o Forerunner
25, un reloxo de pulso compacto con GPS orientado para o seu uso correndo,
que xa non se limite a rexistrar distancia, intensidade, ritmo cardíaco e
calorías consumidas, senón que tamén
pode emparellarse con smartphones compatibles tanto para poder copiar os
datos gardados a Garmin Connect como para recibir alertas de chamadas
entrantes, mensaxes de texto e alertas de calendarios.
Este novo reloxo deportivo conta con funcións como avisar ao usuario de
períodos de inactividade prolongada (para animar á práctica de actividade
física), é resistente á auga (até 50 metros) e a súa autonomía pode chegar até
10 horas de adestramento ou 10 semanas de monitorización de actividade normal
(na súa versión de grande tamaño, xa que a versión pequena caería en autonomía
até un máximo de 8 horas/8 semanas).
Estará dispoñible durante o terceiro trimestre do ano a un prezo duns 169,99 euros
con só o reloxo ou 199,99 dólares cun monitor de ritmo cardíaco.
Vídeo de presentación do Garmin Forerunner 25