Garmin presenta a súa cámara deportiva de 360 graos
mércores, 24 de maio do 2017
Garmin
presentou hoxe a súa nova cámara VIRB
360, un produto que vai na liña doutras cámaras compactas de 360 graos
baseadas nun par de obxectivos de ollo de peixe, pero que desta volta aposta
polos deportes de aventura e unha boa resolución, de xeito que este novo
produto é resistente e captura vídeo até a 5,7K a 30 imaxes por segundo,
superando á meirande parte dos seus competidores (aínda que unha vez cosido o vídeo queda nos habituais 4K).
Dado que é un produto destinado á aventura, tamén integra estabilización de
imaxe para que os vídeos resultantes sexan o máis suaves posibles.
Esta nova cámara deportiva de Garmin permite tirar proveito da tecnoloxía de
cosido automático para facilitar a carga dos contidos en 360 graos a servizos
en liña (como Facebook ou YouTube) de xeito que facilita revivir experiencias
podendo o espectador elixir o seu punto de vista e facilitando que non se perda
ningún elemento do que acontece ao redor.
Garmin ofrece aplicacións para o móbil e escritorio para a edición,
estabilización e tratamento dos contidos capturados coa VIRB 360. Amais a
cámara tamén permite gozar de funcións de control por voz (para iniciar ou
parar gravacións sen ter que usar as mans, o que resulta moi práctico en
gravacións de aventura) e tamén permite emitir vídeo en directo a través de
YouTube e Facebook Live se contamos cun smartphone ou tableta compatible.
Esta nova cámara de 69,8 x 59,3 x 39 milímetros e 160 gramos de peso (coa súa
batería de 65 minutos de autonomía) pode
disparar fotografías esféricas de até 15 Mpíxeles, grava vídeo en distintos
modos contando tamén con 4 micrófonos para gozar de son en 360 graos, almacena
a información en tarxetas de memoria microSD de até 128 GB, ten conectividade
Wi-Fi, Blueototh e NFC, é resistente á auga (até 10 metros de profundidade) e
soporta temperaturas de entre -40 e 85 graos centígrados (aínda que só debe
manexarse entre 0 e 40 graos centígrados). O mes que vén iniciará a súa
comercialización nos EE.UU. a
un prezo de 799,99 dólares, o que está por enriba da súa competidora máis
directa (a cámara Nikon KeyMission 360, que custa menos de 500 euros), o que podería
dificultar a súa boa acollida.
Vídeo promocional da VIRB 360 de Garmin